O Concello de Burela reforza a colaboración co Fogar San Aníbal Os Castros na atención a menores migrantes

AMariñaXa
A alcaldesa e a concelleira de Servizos Sociais visitaron o centro para coñecer o seu funcionamento e o proceso de integración dos 14 mozos acollidos
ALCALDESA-DE-BURELA-VISITÓ-EL-FOGAR-SAN-ANÍBAL-OS-CASTROS
22 Jul 2026

A alcaldesa de Burela, Carmela López, acompañada da concelleira de Servizos Sociais, Alejandra Fernández, visitou este martes o Fogar San Aníbal Os Castros, un centro especializado na acollida de menores migrantes non acompañados que está xestionado pola Obra Social das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas e concertado coa Xunta de Galicia.

Durante a visita, as representantes municipais, recibidas polos responsables da entidade, percorreron as instalacións deste recurso, en funcionamento desde o pasado mes de marzo, e coñeceron de primeira man o labor que desenvolve na atención e acompañamento dos menores.

O encontro serviu tamén para fortalecer a colaboración entre o Concello e a Obra Social Rogacionista, unha entidade con ampla presenza en Burela que, ademais deste fogar, xestiona o centro de día de menores, a Casa de Familia San Aníbal, o centro de acollida María Nazarena e unha vivenda destinada á emancipación de mozos maiores de idade. Ambas partes coincidiron na importancia de continuar traballando conxuntamente para ofrecer unha mellor resposta ás familias e ás persoas en situación de maior vulnerabilidade.

Ao longo da visita, Carmela López e Alejandra Fernández tiveron ocasión de compartir un tempo cos 14 mozos, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, interesándose polas súas experiencias persoais e polo seu proceso de integración na sociedade burelá. Os rapaces proceden de países como Gambia, Mali, Marrocos, Senegal e Mauritania. A maioría chegaron a España tras un longo percorrido migratorio, en moitos casos por vía marítima, e foron derivados posteriormente ao centro desde Canarias e Ceuta.

Segundo explicaron os responsables do recurso, nos catro meses transcorridos desde a súa apertura os menores deron pasos importantes na súa integración. Todos están escolarizados en centros educativos da comarca, compatibilizando a formación académica coa aprendizaxe do idioma e, nalgúns casos, coa incorporación ao mercado laboral. Na actualidade, oito deles xa desempeñan un traballo, dous tras cumprir os 18 anos e outros seis con 17 anos.

O Fogar San Aníbal Os Castros conta cun equipo multidisciplinar integrado por catorce profesionais que prestan atención permanente aos menores, ofrecéndolles acompañamento e apoio durante as 24 horas do día. Ademais, o centro converteuse no primeiro recurso de acollida de menores migrantes de Galicia en obter certificacións de calidade, un recoñecemento ao modelo de atención que desenvolve.

0.12102198600769