O Concello de Burela e a empresa que presta o SAF formarán aos interesados en traballar como auxiliares

AMariñaXa
O Concello de Burela e a empresa que presta o SAF formarán a aquelas persoas interesadas en traballar como auxiliares de axuda no fogar.
xuntaza saf burela 2022
xuntaza saf burela 2022
14 dic 2022

O Concello de Burela e a empresa que presta o SAF, Dependencia Idades SL, formarán a aquelas persoas interesadas en traballar como auxiliares de axuda no fogar. Esta é unha das melloras que contempla a nova concesión. Representantes desta firma mantiveron un encontro coa concelleira de Servizos Sociais, Carmela López.

A edil burelesa explicou que “mantivemos unha xuntanza coa nova empresa do SAF, Dependencia Idades SL, que foi a que gañou a licitación e que xa está en funcionamento no seu novo local en Burela. Conta con 24 auxiliares, unha coordinadora e unha administrativa. O SAF presta atención neste momento a 77 usuarios e usuarias”.

Carmela López contou que “no encontro falamos das melloras a introducir en podoloxía, perruquería e fisioterapia a domicilio, para aqueles casos máis dependentes”.

A concelleira de Servizos Sociais subliñou que “o máis destacado que contempla o contrato é a formación a cargo da empresa en colaboración co Concello de Burela para que todos os veciños e veciñas interesados poidan prepararse para ser auxiliares de axuda no fogar. Trátase dunha oportunidade laboral, que agardamos teña boa acollida. A formación está prevista para o primeiro trimestre do vindeiro ano e será no Centro de Formación Ocupacional do Concello de Burela”.

Ao encontro das últimas horas asistiron por parte da empresa: Elvira Somoza (traballadora social), Víctor Durán, Libertad Fraga e Lorena Pardo e polo Concello de Burela Loli Rodríguez (traballadora social) e Carmela López, concelleira de Servizos Sociais.