O Concello de Barreiros renova a súa Escola Infantil con investimentos en seguridade, pedagoxía e arte

O Concello de Barreiros continúa a súa aposta pola mellora da Escola Infantil Municipal, co obxectivo de actualizala, mellorala e corrixir as deficiencias detectadas nos últimos anos. Nesta ocasión, as intervencións previstas inclúen o pintado exterior do edificio e a renovación do patio exterior, onde se instalarán elementos adaptados á seguridade e á pedagoxía, un dos piares do sistema educativo centrado na evolución das nenas e nenos.
A alcaldesa, Ana Ermida, subliña que as melloras buscan proporcionar á escola materiais que acompañen a educación das pequenas e pequenos, “complementando o traballo das familias e reforzando o papel fundamental das educadoras na primeira etapa educativa.”
No marco destas actuacións, retirarase o mobiliario fixo que incumpre as normas de seguridade vixentes, substituíndoo por elementos móbiles que fomentan a mobilidade e a psicomotricidade, aspectos chave no desenvolvemento infantil. Tamén se drenará o muro do patio para evitar filtracións de humidade e se instalará unha saída de emerxencia, mellorando así a seguridade das instalacións.
A concelleira de Educación, Montse Porteiro, destaca a importancia da Escola Infantil para o goberno municipal, afirmando que é un “símbolo” que vai máis aló dun simple servizo, ao representar un espazo fundamental no proceso educativo de Barreiros, que forma ás futuras xeracións do concello.
Ademais, o recoñecido grafiteiro Diego As será o encargado de personalizar o exterior da escola cun mural que reflicte a identidade de Barreiros e o significado dunha educación libre e igualitaria. A alcaldesa expresou a súa satisfacción por contar cun artista de tal nivel para embelecer o centro e converter este espazo nun lugar aínda máis especial para as nenas e nenos.