O Concello de Barreiros pon en marcha dous obradoiros de reanimación cardiopulmonar

AMariñaXa
O Concello de Barreiros pon en marcha a celebración de dous obradoiros de reanimación cardiopulmonar, máis coñecida como RCP
rcp maniobra
rcp maniobra
22 Mar 2023

O Concello de Barreiros pon en marcha a celebración de dous obradoiros de reanimación cardiopulmonar, máis coñecida como RCP, para as crianzas dos dous centros escolares do municipio. Esta actividade encádrase dentro do programa + Saúde Barreiros, dando así continuidade aos obradoiros sobre esta materia realizados  o pasado verán nos campamentos estivais.

A alcaldesa, Ana Ermida, manifesta a “importancia de contar con este tipo de formación para as crianzas, xa que iniciar estes coñecementos a idades temperás é fundamental para a súa interiorización e contribuír á diminución de mortes na sociedade grazas ao coñecemento de técnicas básicas de RCP.”

Montse Porteiro, Concelleira  de Educación e Saúde Pública resalta “a importancia de que as crianzas non só coñezan, senón que reforcen tamén os coñecementos adquiridos” nunha materia que, ao seu xuízo, “debería  formar parte das materias que desde a Consellería de Educación se incluísen nos plans formativos das crianzas”.

Porteiro explicou que “os obradoiros están pensados para as crianzas máis pequenas,  polo que o seu desenvolvemento será moi sinxelo, reforzando con música e cancións moi coñecidas  as técnicas básicas de masaxe cardíaca, ao tempo que se ensina a distinguir situacións de perigo real para a vida da persoa e os recursos dos que dispoñemos para avisar e activar unha alerta”.

O primeiro dos obradoiros terá lugar no CEIP de San Miguel de Reinante o día 24 de marzo, a partir das 10 horas . A data para o CEIP de San Cosme será o día 12 de abril.

Para impartir esta formación o Concello de Barreiros contactou con Estefanía Castro, Lucía Fraga e Elsa Fernández; enfermeiras traballadoras  do Hospital de Burela; ás que agradecen a colaboración e a disposición para os mesmos

0.096561193466187