O Concello de Barreiros inicia novas obras en San Cosme para mellorar a rede de abastecemento de auga

O Concello de Barreiros vén de poñer en marcha unha nova actuación en San Cosme co obxectivo de modernizar a rede municipal de abastecemento de auga. As obras, que comezan esta semana, consisten na substitución dun tramo antigo de tubaxe de fibrocemento por unha nova condución de PVC con maior diámetro, o que permitirá incrementar o caudal e ofrecer un servizo máis estable e eficiente á veciñanza.
Segundo explican desde o goberno local, esta intervención forma parte dun plan integral de mellora das infraestruturas hidráulicas municipais, que ten como prioridade garantir un subministro de auga de calidade, reducir perdas e mellorar o rendemento da rede.
Os traballos realizaranse por fases e afectarán unicamente á zona indicada no proxecto. Desde o Concello lembran que, no caso de ser necesario realizar cortes puntuais no servizo, a veciñanza será avisada con antelación para minimizar as molestias.
A administración local destaca que a renovación deste tipo de tubaxes é esencial para asegurar o correcto funcionamento da rede a medio e longo prazo, reducindo incidencias e asegurando unha xestión máis sostible dos recursos hídricos.