O Concello de Barreiros impermeabiliza pozos de rexistro do saneamento
Continúan avanzando os traballos de mellora do sistema de saneamento e depuración do Concello de Barreiros coa finalidade de optimizar o seu funcionamento e corrixir as deficiencias detectadas nos últimos anos. “Tras ter realizado unha auditoría de todo o sistema no ano 2023, detectáronse deficiencias nas que se está a traballar durante todo o ano. Unha das máis importantes era a cantidade de augas limpas que estaba a recollerse na rede de saneamento, impedindo así o correcto funcionamento das estacións de bombeo e depuración”, explicou a alcaldesa, Ana Ermida.
A auditoría sinalou 25 deficiencias importantes, das que 23 quedarán subsanadas ao remate deste ano. Estas actuacións inclúen a impermeabilización dos 14 pozos de rexistro e a renovación do colector do barrio das Carriceiras, en Reinante, cun investimento total de preto de 50.000 euros, financiados ao abeiro do Plan Deputación 2024.
O concelleiro de Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira, destacou a relevancia das intervencións: “Estes traballos, xunto co investimento permanente que se está a realizar en depuradoras como a do San Bartolo, supoñen melloras moi substanciais na depuración de augas residuais en Barreiros; un aspecto no que, ata a chegada deste goberno municipal, non se estaba a investir nada desde a posta en marcha do mesmo a finais dos anos noventa e principios dos 2000.”
Pola súa parte, a alcaldesa Ana Ermida incidiu na importancia destes traballos, poñendo en valor o esforzo do goberno municipal nos investimentos en servizos básicos como o abastecemento ou o saneamento. “Aínda que non luzan á vista, son a base fundamental de calquera Concello que aposte por un desenvolvemento real e acorde cos servizos existentes”, subliñou.
“Rompemos cun xeito de actuar de tratar de esconder os problemas e crer que o que vai por debaixo da terra non é importante. Cada euro que se inviste en auga potable ou xestión de saneamento e depuración é calidade de vida para a veciñanza que ten que ter uns servizos acordes coa demanda que existe. Por iso, o esforzo deste goberno municipal é inmenso, porque non só hai que afrontar a situación presente; senón que temos que estar corrixindo as actuacións do pasado”, concluíu a rexedora.