O Concello de Barreiros e a AECC designan varios espazos públicos sen fume

AMariñaXa
Nas vindeiras semanas, realizarase a sinalización dos espazos e levaranse a cabo campañas divulgativas
Foto-firma-convenio-AECC
29 Nov 2024

O Concello de Barreiros e a Asociación Española Contra o Cancro asinaron un convenio de colaboración para designar varios espazos públicos sen fume dentro de Barreiros.

A alcaldesa, Ana Ermida, asinou coa presidenta da Xunta Provincial de Lugo, María Luz Abella un documento no que designan como espazos libres de fume o exterior do pavillón municipal, a pista de skate, os arredores do parque de San Miguel (onde a pista de pádel) e dúas marquesiñas da N634 en San Cosme.

A alcaldesa sinala a “importancia deste tipo de accións que pretenden a concienciación veciñal e a educación en saúde, poñendo o foco no consumo de tabaco, que segue a ser unha das principais causas de numerosos tipos de cancro.”

“Os espazos escollidos son de uso habitual por persoas mozas e nenas e nenos, co que se pretende educar desde as primeiras idades. Son ademais espazos relacionados con usos deportivos ou de ocio, que fomentan un estilo de vida saudable e que debe ser incompatible co consumo de tabaco”, explicou.

Ana Ermida agradeceu o traballo de colaboración co Concello á Asociación, permitindo desenvolver accións de apoio e formación a persoas enfermas e familiares.  Nas vindeiras semanas, realizarase a sinalización dos espazos e levaranse a cabo campañas divulgativas.

No acto tamén participaron a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, e a de Saúde Pública, Montse Porteiro.

 

0.15980505943298