O Concello de Barreiros asina un convenio para a compra dun tractor cortacéspede

AMariñaXa
O Concello de Barreiros e a Deputación asinaron un convenio para a compra dun tractor cortacéspede para o parque de maquinaria municipal.
novo tractor municipal barreiros
novo tractor municipal barreiros
15 mar 2023

O Concello de Barreiros e a Deputación asinaron un convenio de colaboración para a compra dun tractor cortacéspede para o parque de maquinaria municipal.

Tráase dun tractor equipado para traballar en zonas verdes e axardinadas, que axilizará e facilitará as tarefas de mantemento que se desenvolven periodicamente en distintos espazos ao aire libre que o Concello acondicionou e revitalizou ao longo dos últimos anos nas distintas parroquias

A deputada Mónica Freire valorou “o traballo realizado polo goberno municipal para recuperar estas zonas como espazos de esparexemento e socialización para a veciñanza do rural” e explicou que “na área de Medio Rural somos conscientes do esforzo que supón para o Concello o mantemento destas zonas e en xeral das infraestruturas municipais, tanto en persoal como en medios, e tratamos de facilitalo con colaboracións coma esta”

A alcaldesa Ana Ermida sinalou que “a sinatura deste convenio dá continuidade á renovación da dotación de maquinaria para a realización de traballos diarios para os que ao longo destes anos se foron adquirindo ferramentas e maquinarias grazas á colaboración da Deputación. Con esta maquinaria os traballos realízanse de xeito máis eficiente e cunha mellor calidade, dando un importante impulso ao mantemento dos espazos municipais”

Ana Ermida agradeceu a colaboración permanente da área de Medio Rural “que permite que este concello conte cun dos mellores parques de maquinaria e ferramenta a disposición do persoal municipal que traballa dun xeito máis cómodo, eficiente e seguro no seu día a día”.

A área de Medio Rural destina 17.000 euros a esta compra, que dá continuidade ao apoio que a Deputación de Lugo presta ao Concello neste ámbito. Nos últimos catro ano o Concello de Barreiros adquiriu outros cinco vehículos, con financiamento de distintas liñas de fondos provinciais.