O Concello de Alfoz recibe unha subvención para impulsar o emprego xuvenil e a dinamización cultural e turística

O Concello de Alfoz vén de recibir unha subvención de 16.902,64 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia para a contratación dunha persoa moza inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ao abeiro dun programa cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027.
A axuda permitirá a contratación dunha persoa durante nove meses, a xornada completa, para desenvolver funcións de animación sociocultural e turística, contribuíndo á dinamización do municipio e ao reforzo das actividades vinculadas a estes ámbitos.
Esta iniciativa ten como principal obxectivo ofrecer ás persoas mozas unha oportunidade de adquirir experiencia laboral, desenvolver novas competencias profesionais e mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado de traballo, ao tempo que se reforzan os servizos municipais.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, destacou que «este tipo de programas son unha oportunidade para que a mocidade poida adquirir experiencia profesional e continuar formándose nun contorno laboral real. Desde o Concello consideramos fundamental aproveitar estas iniciativas que contribúen a mellorar as oportunidades de emprego, especialmente no ámbito rural».
Así mesmo, Maseda sinalou que «esta contratación permitiranos tamén reforzar a dinamización sociocultural e turística do noso concello, dous ámbitos importantes para poñer en valor os nosos recursos e seguir impulsando actividades dirixidas á veciñanza».
A actuación enmárcase na convocatoria de axudas regulada pola Orde do 22 de maio de 2026, destinada á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil a través da colaboración coas entidades locais galegas.
Con esta iniciativa, o Concello de Alfoz reafirma o seu compromiso coa promoción do emprego xuvenil, a formación profesional e o aproveitamento dos recursos públicos para continuar mellorando os servizos e as oportunidades no municipio.