O Concello de Alfoz acomete melloras urxentes no castelo antes do mercado medieval

O Concello de Alfoz porá en marcha nas vindeiras semanas un plan de actuación no Castelo de Castrodouro co obxectivo de protexer a estrutura da fortaleza e a súa contorna máis inmediata. A intervención, cun orzamento de 35.965 euros a cargo do plan da Deputación de Lugo, inclúe a impermeabilización da canaleta do castelo e a reconstrución parcial do muro que rodea o recinto e a igrexa do Castro.
Segundo explicou a alcaldesa, Efigenia Maseda, a canaleta actual presenta filtracións de auga cara ao interior do edificio, “e queremos actuar canto antes para evitar que a humidade cause danos estruturais”. Trátase dunha medida preventiva que busca conservar un dos bens patrimoniais máis emblemáticos do municipio.
Tamén sinalou que se acometerá a reconstrución do muro de contención situado na subida ao castelo. “Detectamos un abombamento que, segundo os técnicos, podería deberse a unha bolsa de auga que está deteriorando a base do muro”, indicou, "o obxectivo de rematala antes do 19 de xullo, data na que se celebrará o tradicional mercado medieval.
Ademais, as autoridades locais están a valorar restrinxir o acceso en vehículo á zona durante os días laborables, mentres duren os traballos. “É importante garantir a seguridade dos operarios e facilitar a execución das obras sen interferencias”, sinalaron.
Con esta actuación, o goberno local continúa a súa aposta pola conservación do patrimonio e a posta en valor do centro histórico de Alfoz, asegurando que o castelo poida seguir sendo un espazo visitable e seguro para a veciñanza e os turistas.