O Concello acondicionará o acceso ao campo da festa das Anzas, na parroquia ribadense de Covelas

AMariñaXa
O Concello de Ribadeo acondicionará o acceso ao campo da festa das Anzas, na parroquia de Covelas. O orzamento ascende a 10.820,91euros.
24 feb 2023

O Concello de Ribadeo acondicionará o acceso ao campo da festa das Anzas, na parroquia de Covelas, para o fin común de mellora dos equipamentos municipais no medio rural. O orzamento total ascende a 10.820,91euros.

Desde o goberno sinalan que este tipo de infraestruturas rurais xeran dalgún xeito cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo dos seus habitantes e contribuíndo, deste xeito, a frear o seu despoboamento. En particular, o campo da festa é unha desas infraestruturas que tradicionalmente se reserva nas aldeas para desenvolver nelas as festividades propias do lugar, ademais de servir de espazo para distintos usos o resto do ano. Constitúe así un punto de encontro e  un foro de socialización de primeira orde no rural.

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil,  explicou que “a Asociación de Veciños das Anzas dirixiuse ao Concello xa fai un tempo para demandarnos a mellora deste acceso ao campo da festa das Anzas, porque debido á súa elevada pendente, facíase complicada a entrada e saída de vehículos. Os técnicos municipais redactaron daquela un proxecto no que se contempla a pavimentación con formigón de 15 cm. de espesor sobre una capa de 20 cm. de zahorra artificial dos dous accesos que dan entrada ao campo da festa e tamén a colocación dunha varanda de madeira na parte superior, paralela á estrada,  para salvar o desnivel entre a pista e o acceso. Estas melloras están valoradas en case 11.000 euros”.

O edil ribadense indicou que “levamos desde o goberno de Ribadeo nestes últimos anos facendo un importante esforzo para mellorar  infraestruturas públicas nas nosas parroquias, tanto camiños como outras, como poden ser os campos da festa, nalgúns casos con fondos propios do Concello, noutros casos, como neste, coa colaboración da Deputación de Lugo. Agora, a través deste convenio económico extraordinario coa Área de Medio Rural da Deputación será posible levar a cabo esta actuación tan demandada pola veciñanza das Anzas que temos previsto executar nas vindeiras semanas”.