O Compás do Río Ouro abre a súa Escola de Música a alumnado de todas as idades

AMariñaXa
A asociación cultural ofrece formación desde os 4 anos e permite iniciarse en instrumentos de vento, percusión, saxofón, violín ou piano, entre outras opcións
compas-do-rio-ouro-1-aula
3 Sep 2026

A Asociación Cultural O Compás do Río Ouro pon en marcha a súa Escola de Música cunha proposta aberta a persoas de todas as idades, desde nenos e nenas a partir dos 4 anos ata adultos que queiran iniciarse ou continuar avanzando na aprendizaxe musical.

Baixo o lema "A música medra connosco. Vive, sente e comparte!", a entidade busca crear un espazo no que a formación musical se combine coa convivencia e o gusto por compartir esta disciplina, facilitando o acceso tanto ás persoas máis novas como a aquelas que decidan achegarse á música en idade adulta.

A oferta permitirá aprender a tocar diferentes instrumentos, entre os que se atopan os de vento e percusión, ademais do saxofón, violín e piano, entre outras posibilidades. A escola pretende así ofrecer alternativas adaptadas aos intereses do alumnado e favorecer unha formación musical diversa.

Ademais, non será imprescindible dispoñer previamente dun instrumento para poder comezar. Desde a asociación destacan que contan con instrumentos para facilitar os primeiros pasos ás persoas interesadas que non teñan un propio.

O proxecto dá continuidade ao traballo que desenvolve O Compás do Río Ouro arredor da música e da participación de persoas de diferentes xeracións, como reflicten as súas agrupacións e actividades.

As persoas interesadas en coñecer máis detalles sobre a Escola de Música ou formalizar a súa incorporación poden contactar coa Asociación Cultural O Compás do Río Ouro a través do teléfono 674 03 80 03 ou do correo electrónico asociacionocompasdorioouro@gmail.com.

REPORTAXE

0.14430809020996