O Comité de Alcoa esixe “dunha vez por todas” convocar a reunión de seguimento

AMariñaXa
O sindicato reúnese coa empresa que promete 100 millóns de euros adicionais
alcoa-transformador
7 Nov 2024

O Comité de empresa e Alcoa mantiveron unha reunión informativa do preacordo Alcoa-Ignis, solicitada pola propia Alcoa. Nela presentáronlles de forma telemática ao potencial socio Ignis, a través do seu CEO. Neste reunión, afirman, non se ampliou a información dada nas reunións en planta a todos os traballadoras. “Alcoa presentou unha proposta, unha especie de plan dunha diapositiva no que dicía que intentaría chegar a ter algo a finais do 2028”, expresa José Antonio Zan, presidente do comité.

Alcoa propón aportar cen millóns de euros de fluxo de caixa de forma inmediata (75 millóns de Alcoa e 25 millóns con fondos de Ignis), e coa aportación adicional de ata 120 millóns de Alcoa. Tamén a continuidade da produción na planta de alúmina; o arranque dun mínimo do 75% das cubas no 2025; restablecer o fondo de garantía a partir do ano 2028, sempre e cando se dean as condicións previstas; corrección da situación de empresa en crise para poder optar a axudas das administracións; e confirma que ten aprobado o proxecto e os fondos para a cota 104 do BDR.

Sobre isto valorou o presidente do Comité: “Despois din que poñen 100 millóns novos, xa non sabemos cal é o novo e cal é o vello. Temos un acordo firmado que dura ata o ano 2028 que ten un forno de cocción de anodos, unha seguridade de postos laborais e unha seguridade para todas as empresas”.

Reiteran que dende o Comité lles esixiron que cumpriran co acordo de viabilidade e que “dunha vez por todas” convoquen unha reunión de seguimento, “que incumpriron no trimestre pasado e están incumprindo neste trimestre”. Ante isto, aseguran, Alcoa non contestou. Tamén solicitaron ao Goberno e á Xunta que a convoquen e unha reunión interna porque critican: “Non entendemos como pode chegar a acordos ou semi acordos con Alcoa sen tan sequera falar con nós”.

0.17256498336792