O Comercio na Rúa volverá encher Foz de descontos con máis de trinta negocios participantes

Foz volverá converter as súas rúas nun gran escaparate comercial coa celebración dunha nova edición do Comercio na Rúa, unha iniciativa organizada por Acia Foz-CCA que terá lugar os días 22, 23 e 24 de xullo. Durante esas tres xornadas, un total de 34 establecementos asociados sacarán parte dos seus produtos ao exterior dos seus locais para ofrecer descontos especiais dentro da campaña Fóra Stocks, unha das citas máis consolidadas do calendario comercial estival da vila.
A iniciativa busca dinamizar a actividade comercial, favorecer as compras de proximidade e ofrecer á clientela a oportunidade de adquirir produtos a prezos rebaixados nun ambiente diferente, no que os comercios trasladan a súa oferta ás rúas de Foz.
Nesta edición participarán 5 Lobiños, Aira Estudio, Alain Afflelou Foz, Ártico, Briz Peluquería y Estética, Calzados Pirde, Cenor Belianorte, Chinela Nenos, Chuvia, Decoraciones Pura, Decoraciones Pura Outlet, Don Zapato, Ginzo Hombre, Ginzo Mujer, Hedra, Hola Ola, Isla, Koquetas, La Flor Abulense-2, Lencería Esther, Librería A Rapadoira, Librería Bahía, Living Sport, Longarela Moda, Lourdes Moda Íntima, Mi Casa, OfiFoz, Pirde Moda, Sensación Surf, Thecé, Unique, Vas's, Vas's Outlet e Xoguetería Bahía.
O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, destacou que esta campaña representa unha excelente ocasión para realizar compras con importantes aforros. Segundo explicou, o Comercio na Rúa permite atopar tanto artigos de verán como produtos pensados para preparar a volta ás aulas "a moi bos prezos", ao tempo que lembrou que se trata dunha proposta xa tradicional durante o verán focense e que continúa contando cunha elevada participación tanto dos establecementos asociados como da clientela.
Desde a asociación animan tanto á veciñanza como ás persoas que visiten Foz durante eses días a percorrer os comercios participantes e aproveitar unha campaña que combina promoción económica, dinamización das rúas e apoio ao comercio local.