O comercio local da Mariña premiará as compras cunha campaña que repartirá 1.000 euros

Os establecementos comerciais de Burela, Xove, O Vicedo, Covas e Cervo súmanse desde este 1 de xuño á campaña promocional Merca no teu Comercio, unha acción impulsada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia coa colaboración das asociacións empresariais e comerciais da comarca.
A iniciativa desenvolverase ata o 15 de xuño e ten como finalidade apoiar o comercio de proximidade, favorecer o consumo nos negocios locais e contribuír á dinamización económica dos municipios participantes. A campaña forma parte dun programa que chegará ao longo do ano a 114 localidades galegas, distribuídas en 40 actuacións promocionais.
Na provincia de Lugo están previstas dez campañas deste tipo, que abranguerán un total de 31 localidades e permitirán distribuír 10.000 euros en premios ata o mes de outubro.
Para participar, os clientes deberán realizar compras nos comercios retallistas das cinco localidades adheridas durante o período establecido. Cada operación poderá rexistrarse a través das plataformas habilitadas para cada concello empregando calquera dispositivo electrónico. Ademais, os propios establecementos tamén poderán introducir as compras na aplicación, o que permitirá aos participantes duplicar as súas posibilidades de resultar premiados.
Entre todas as persoas que formalicen a súa participación sortearanse 20 tarxetas prepago de 50 euros cada unha, ata completar un total de 1.000 euros. Os importes deberán empregarse posteriormente nos comercios das respectivas localidades, favorecendo así que o investimento reverta novamente no tecido comercial de proximidade.
O sorteo dos premios celebrarase o 16 de xuño, mentres que a entrega das tarxetas aos gañadores terá lugar o día 23 na Praza da Mariña de Burela.
Con esta campaña, as entidades organizadoras buscan reforzar a visibilidade do pequeno comercio, incentivar as compras nos negocios locais e poñer en valor o papel que desempeñan estes establecementos na economía e na vida diaria das vilas mariñás.