O Colexio de Xornalistas de Galicia impulsa en Barreiros un obradoiro de alfabetización mediática contra a desinformación

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o vindeiro martes 30 de xuño, ás 11:00 horas, un novo obradoiro de alfabetización mediática dirixido á poboación adulta, que se desenvolverá no Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros.
A actividade forma parte do programa de obradoiros contra a desinformación impulsado polo propio colexio profesional, unha iniciativa que conta coa subvención da Deputación de Lugo e que se está a desenvolver nunha vintena de localidades da provincia co obxectivo de fomentar o consumo crítico da información e mellorar a capacidade de identificación de contidos veraces entre a cidadanía.
O taller será impartido pola xornalista Carmen Quintela, especialista en cobertura e investigación con enfoque de xénero, que na actualidade traballa como coordinadora editorial a distancia da Agencia Ocote, medio guatemalteco centrado en temas de xénero, medio ambiente, memoria histórica e verificación da información, e colabora tamén con medios como elDiario.es.
Quintela conta cunha ampla traxectoria profesional, recoñecida con dous premios nacionais de xornalismo en Guatemala e cun galardón da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ. Ademais, o traballo coordinado por ela “No fue el fuego” foi distinguido co Premio Gabo 2022 na categoría de cobertura.
Segundo destaca a organización, todos os formadores destes obradoiros recibiron formación específica en alfabetización mediática co obxectivo de trasladar á poboación ferramentas eficaces para recoñecer e combater a desinformación.
A asistencia é libre e gratuíta ata completar aforo, sen necesidade de inscrición previa.