O colectivo Pensamento e Sementeira mantén viva a Xira en Portochao

AMariñaXa
A segunda edición desde a súa recuperación ofrecerá kaiak, sesión vermú, xantar popular e xogos tradicionais este domingo
pensamento_e_sementeira
15 Aug 2025

O colectivo Pensamento e Sementeira convida a veciños e visitantes a participar este domingo 17 de agosto na segunda edición da Xira desde a súa recuperación en 2024. A cita, con raíces nos anos vinte do século pasado e interrompida durante máis de corenta anos, manterá vivo o seu espírito festivo na Área Recreativa de Portochao.

A programación comezará ás dez da mañá cunha ruta en kaiak desde a Rampa do Pavillón, en colaboración con ROQ Sport, actividade que xa ten todas as prazas cubertas. Ás 11:30 horas, o grupo Espera que vou mexar animará o ambiente co seu repertorio, antes de dar paso, ao mediodía, á sesión vermú coa música de Brassica Rapa.

O tradicional xantar popular, previsto para as dúas da tarde, convidará a estender o mantel e compartir mesa, comida e conversa con familia, amizades e veciñanza. Xa pola tarde, a partir das catro, recuperaranse xogos tradicionais que reunirán participantes de todas as idades, reforzando o carácter interxeracional da xornada.

Considerada unha das actividades máis singulares das Festas Patronais de Viveiro, a Xira combina natureza, música e convivencia, e consolida o labor de Pensamento e Sementeira na defensa e revitalización das tradicións locais.

⚙ Configurar cookies
0.1984269618988