O Club O Cembedo brilla no Master Sénior Nacional de Bádminton

A pasada fin de semana, a localidade de San Lorenzo de El Escorial converteuse no epicentro do bádminton nacional coa celebración do Master Sénior Nacional, no que o Club O Cembedo de Viveiro estivo representado por Marta Castro e Jorge Santamariña.
Os xogadores do club galego lograron un destacado balance ao facerse con dous bronces nas diferentes modalidades nas que participaron. Marta Castro, xunto á súa compañeira Dolo (Athlos), conseguiu o bronce en Dobres Feminino C1-C2, mentres que, en Dobres Mixtos C2, Marta e Jorge repetiron podio cun segundo bronce para o equipo de Viveiro.
Estes resultados, sinala o club, “son froito do traballo constante e da dedicación de todos os nosos deportistas”, destacando o nivel competitivo da cita, á que acudiron xogadores de todo o territorio nacional.
A seguinte gran cita para o Club O Cembedo terá lugar o domingo 12 de abril en Viveiro, cando a entidade local fará de anfitrión do Máster Territorial N5 Sénior. Espérase a participación de arredor de 80 xogadores procedentes de Galicia e Asturias, nun evento que promete emoción e grandes encontros deportivos.