O Club de Remo de Ribadeo estreará nova furgoneta grazas á colaboración entre Deputación e Concello

O Club de Remo de Ribadeo contará cunha nova furgoneta para os seus desprazamentos, unha mellora posible grazas á colaboración entre o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo. A nova adquisición facilitará o día a día do club e reforzará o apoio institucional ao deporte base e á promoción dos valores do esforzo e do compañeirismo.
O alcalde ribadense, Dani Vega, amosou a súa satisfacción por esta iniciativa conxunta e subliñou que “seguimos apostando polo deporte en Ribadeo, traballando man a man coas entidades locais, como neste caso co Club de Remo, que tanto está facendo por levar o nome da vila ao máis alto nivel”.
Vega quixo destacar o labor tanto das e dos deportistas como do equipo directivo do club: “hai un compromiso diario, unha disciplina admirable e unha entrega que merece todo o noso recoñecemento. E por riba de todo, unha capacidade de traballo que ten feito posible importantes éxitos deportivos e tamén sociais”.
O rexedor puxo en valor a cooperación institucional coa Deputación de Lugo, a través do deputado Dani García, coa que se logrou canalizar os recursos necesarios para a compra do novo vehículo. “Cando dúas administracións se poñen de acordo, cando hai vontade real de colaboración, os resultados chegan. Esta furgoneta é froito dese entendemento”, explicou.
Vega tamén animou a outras administracións a seguir este exemplo de cooperación: “o obxectivo do Concello é xestionar os recursos públicos de forma útil, achegándoos ás necesidades reais da cidadanía e das súas asociacións. Este é un claro exemplo diso: solucionar un problema concreto dunha entidade que representa a Ribadeo con orgullo en cada competición”.
Finalmente, o alcalde agradeceu de novo ao club “todo o traballo que desenvolven, non só en termos deportivos, senón tamén na transmisión de valores fundamentais para a sociedade e por manter sempre a Ribadeo nun lugar privilexiado”.