O Club de Remo de Ribadeo estrea furgoneta grazas ao apoio da Deputación

AMariñaXa
O novo vehículo, adquirido cunha achega provincial de 40.000 euros, facilitará os desprazamentos a competicións fóra de Galicia
Club-remo-ribadeo-nova-furgoneta-xuno-2025
27 Jun 2025

O Club de Remo de Ribadeo conta xa cun novo vehículo para facilitar os seus desprazamentos. Trátase dunha furgoneta de nove prazas, adquirida grazas a unha achega de 40.000 euros da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que permitirá mellorar a loxística do club e apoiar a súa intensa actividade competitiva, que se desenvolve maioritariamente fóra da provincia e incluso de Galicia.

O deputado de Mocidade, Daniel García, e o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, asistiron ao acto de presentación do vehículo xunto cos responsables do club, Jesús Carreira e Miguel Peña. Alí destacouse o papel estratéxico desta adquisición para a operatividade do equipo, que está a colleitar importantes éxitos a nivel galego e estatal nas categorías de formación.

Segundo indicou García, “esta era unha demanda que o club nos trasladara a finais de 2024 e coa que nos comprometemos desde o primeiro momento”. Tamén puxo en valor “a singularidade e a proxección do proxecto deportivo ribadense, que está acadando resultados extraordinarios”.

O investimento completouse con 14.000 euros de fondos propios do club e responde ao convenio de colaboración aprobado o pasado mes de abril. A nova furgoneta estreouse xa a pasada fin de semana no Campionato de España de Remo Olímpico e Paralímpico, celebrado en Sevilla, onde a expedición ribadense —formada por nove deportistas— logrou catro medallas.

⚙ Configurar cookies
0.36601305007935