O Club de Remo de Ribadeo amplía o seu equipamento cunha nova embarcación
O deputado Daniel García visitou as instalacións do Club de Remo de Ribadeo, que ampliou o seu equipamento coa compra dunha nova embarcación coa colaboración da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Trátase dunha embarcación de dúas prazas, con materiais e deseño punteiro que, segundo explicou o presidente do club Jesús Carreira, mellora as condicións nas que adestran e compiten as remeiras e remeiros da entidade xa que, apuntou, a calidade das embarcacións é moi relevante nas competicións de remo.
Daniel García aproveitou a visita para felicitar ao club polo corenta aniversario, que conmemoraron esta fin de semana, e destacou “a súa configuración como club de base, coa que conseguen incorporar nenas e nenos a unha tradición deportiva moi relevante en Ribadeo e que ademais ten grandes resultados a nivel competitivo, con remeiros e remeiras que destacan entre os mellores de Galicia e do Estado nas súas idades”.
O Club de Remo de Ribadeo, que recibiu 5.000 euros para esta renovación do equipamento, conta cunha vintena de remeiras e remeiros de categorías de formación, que compiten ao máis alto nivel estatal e galego nas súas respectivas categorías.