O Club de Hockey Liña de Ribadeo consolídase na Liga Autonómica con grandes resultados

O pasado domingo 25 de xaneiro, no Pavillón Daniel Cordido de Lugo, o equipo de adultos do Club de Hockey Liña Isla Pancha de Ribadeo sumou seis puntos máis na Liga Autonómica Hobbyhockey tras enfrontarse aos equipos de Lóstregos de Lugo e Alquimia da Coruña. Grazas a estes resultados, o conxunto Trasnos sitúase no primeiro posto da clasificación, a falta de dous encontros por disputar.
Este equipo, formado por varios pais e nais de xogadores e xogadoras do club, xunto con catro adultos cedidos doutros clubs galegos, representa unha das novidades desta tempada. Os membros do grupo adican parte das súas semanas e algúns fins de semana a adestrar, seguindo o mesmo deporte que practican os seus fillos e fillas, nunha competición non profesional.
Tamén os equipos Prebenxamíns disputaron dous encontros moi intensos fronte a Alquimia da Coruña e Meigas de Lugo. A pesar de contar con máis tiros a portería que os seus rivais, aínda non sumaron puntos, pero a súa evolución resulta alentadora e amosa que loitan ata o último minuto.
Nesta tempada, o club conta con equipos Trasnos en cinco categorías da Liga Autonómica: Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, ademais dun equipo na liga non profesional Hobbyhockey. Competindo contra equipos de Lugo, A Coruña e Ourense, estes resultados reflicten o crecente interese polo hockey liña na Mariña de Lugo e o esforzo da directiva, adestradores e familias por impulsar un deporte minoritario.