O Club de Atletismo Ría de Foz domina o II Cross Os Castros
O Club de Atletismo Ría de Foz en colaboración coa Run Foz Run, organizou o II Cross Os Castros, nas inmediacións do Centro Cívico de Cangas de Foz.
Ás 11.00 horas deron comezo as probas pertencentes ao Cross en idade escolar, que se enmarcan dentro do programa Xogade, para as categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Este evento reuniu a todos os clubs, entidades e centros escolares da comarca da Mariña, que afrontaban, así, a súa primeira preparatoria.
Destacaron os resultados obtidos polos atletas do Ría de Foz, o 1º posto pde alevín feminino foi para Amelia Carrillo e o 2º para Amina Bouyzar; en alevín masculino o 1º foi para Miguel Diz e o 2º para Adrián Villapol; en infantil feminino destacou o 2º posto de Marina García e o 3º de Alba Iravedra. Xa en cadetes, o 1º posto feminino foi de Elena Pumares e o 3º para Marta Villar, e en masculino Xabi Rodríguez chegou o 1º posto.
Paralelamente á primeira preparatoria do Xogade, o Club organizaba a segunda edición do Cross os Castros. A partir das 12.45 horas foi a quenda dos atletas absolutos, que percorreron unha distancia de 6K nun circuíto que combinaba á perfección a dureza do campo a través e a beleza das paisaxes de Cangas. A proba contou cun claro dominio dos atletas do Ría de Foz.
Na absoluta feminina, o 1º posto foi para Carla Trillo; e en masculina o 2º posto de Óscar Buján e o 3º para Simón Río. En equipos mixtos o Ría de Foz acadou a 1ª posición, en equipos femininos as tres primeiras e en masculinas o 2º e 3º posto.