O Club Bádminton O Cembedo brilla no Top TTR Senior de Viveiro con dez podios nunha xornada de alto nivel

A cidade de Viveiro acolleu na xornada do domingo 22 de xuño unha intensa competición de bádminton coa celebración do Top TTR Senior, un dos encontros máis destacados do calendario autonómico desta disciplina. A cita, organizada polo Club Bádminton O Cembedo en colaboración coa Federación Galega de Bádminton, reuniu no pavillón municipal a 41 xogadores procedentes de distintos puntos da comunidade galega.
O club anfitrión, O Cembedo, contou cunha ampla representación de once xogadores que deixaron o listón ben alto. A formación vivairense logrou un balance moi positivo, con dez medallas nas distintas categorías e modalidades do torneo: dúas de ouro, catro de prata e outras catro de bronce, demostrando o bo momento polo que atravesa o club e a súa aposta pola continuidade e o esforzo dos seus deportistas.
A xornada permitiu desfrutar dunha competición de gran nivel, cun ambiente deportivo e animado, e serviu tamén para visibilizar o traballo constante dos clubs galegos no ámbito sénior. A organización salientou o éxito da cita tanto no número de participantes como na calidade dos partidos, e agradeceu o apoio das institucións e da Federación para facer posible o evento.
Dende o Club O Cembedo destacaron a ilusión coa que os seus xogadores afrontaron esta proba e celebraron “os excelentes resultados colleitados na casa”. Unha mostra máis da forza que está a coller o bádminton sénior na Mariña e do compromiso dos deportistas locais coa competición e coa promoción deste deporte.