O CIFP Porta da Auga acolle o ciclo de charlas 'O futuro laboral na Mariña lucense'

AMariñaXa
Unha iniciativa da Federación de Comercio A Mariña (FCAM) que levarán polos centros de FP da Mariña
ribadeo-Foto-presentación-ciclo-FCAM
18 Nov 2024

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) inicia este xoves, 21 de novembro, no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, o ciclo de charlas 'O futuro laboral na Mariña lucense'.

A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado Iglesias, explicou: “Na FCAM estamos moi preocupados pola situación laboral desta comarca, hai moita oferta de postos de traballo en todos os sectores, que as empresas non son quen de poder cubrir. Hai empregos no comercio, na hostalería, nos hoteis e tamén en sectores como a automoción, o forestal ou os astaleiros, por poñer só uns exemplos, pero tamén hai demanda de profesionais como electricistas, fontaneiros, carpinteiros…”.

Cruzado Iglesias indicou que “desta preocupación, que detectamos xa nun foro que celebramos en Foz aló polo mes de marzo, saíu este ciclo de charlas que levaremos polos centros de FP da Mariña co obxectivo de contarlle á xente moza que aquí hai futuro, que hai demanda de man de obra e que tamén é posible emprender. Teñen que saber que non é preciso saír da Mariña para atopar un emprego. Na FCAM apostamos por asentar poboación nesta comarca. E unha forma de facelo é empezar por concienciar á xente nova”.

A presidenta da FCAM subliñou:“Neste ciclo contaremos coa participación de directivos e traballadores de empresas da Mariña para que lles conten a súa experiencia aos estudantes de FP. Son elas e eles os que mellor o poden explicar. E xunto a eles estaremos tamén membros da directiva da FCAM”.

A primeira charla deste ciclo 'O futuro laboral na Mariña lucense' terá lugar no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, este xoves, 21 de novembro, ás 8.30 horas da mañá. Na mesma intervirán: María Novo, emprendedora ribadense que puxo en marcha Con Sentidiño; Iván Marrube, CEO de Loxística Reyco; e Carmen Cruzado, presidenta da FCAM.

O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, declarou que “cando a FCAM nos ofreceu a posibilidade de dar a coñecer ao noso alumnado as distintas alternativas de futuro laboral na comarca da Mariña, coa participación de representantes de empresas e institucións de sectores relacionados coa nosa oferta educativa, pareceunos moi interesante. O alumnado do CIFP Porta da Auga ten futuro laboral na Mariña e esta iniciativa pode axudar a visibilizar ese futuro, a asentar a poboación e a que sexan os futuros empresarios ou traballadores desta comarca”.

No acto de presentación participaron o director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal; Beatriz Trigo, a dinamizadora da relación con empresas na FP; e Carmen Cruzado, presidenta da FCAM. A Federación de Comercio A Mariña conta con Loxística Reyco como empresa patrocinadora desta iniciativa. Carmen Cruzado agarda que “máis firmas se vaian sumando ao longo dos vindeiros meses a esta programación que vai continuar en xaneiro no IES de Foz”.

0.163733959198