O Centro de Formación Audiovisual da Deputación abre o prazo de preinscrición para o curso 2019-2020

TerraChaXa | AMariñaXa
O Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación (CFA) abre do 17 ao 28 de xuño o prazo de preinscrición de matrícula para o curso 2019-2020.
16 Xuño 2019

O Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación (CFA) abre do 17 ao 28 de xuño o prazo de preinscrición de matrícula para o curso 2019-2020. O único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual ofrece 40 prazas de primeiro nos ciclos de Realización e Produción.
O Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos, anunciou que “manteremos a gratuidade da matrícula porque desde o Goberno da Deputación apostamos por que todos os mozos e mozas lucenses interesados en formarse no noso centro teñan as mesmas oportunidades á hora de acceder ao ensino de calidade e personalizado que impartimos, independentemente dos recursos económicos das súas familias”.
Para a preinscrición os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparan na web www.fundaciontic.org ou no propio centro. A documentación debe entregarse na sede do centro, na rúa Frei Plácido Lemos s/n de Lugo.
Campos destacou o modelo formativo do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, “que inclúe un importante número de prácticas en escenarios reais ao longo de todo o curso. Isto fai que o noso alumnado se enfronte ás esixencias que atopará cando acceda ao mercado laboral e aos problemas que sempre xorden no día a día dos profesionais”.
Puxo coma exemplo dúas das últimas prácticas dos estudantes do centro: a gravación e montaxe dun vídeoclip no Castro de Viladonga, froito da colaboración entre o SdeA e o IES Terra Chá de Castro de Rei, e o vídeo que recolle a homenaxe que se lle rendeu en maio á exalumna da antiga Escola de Imaxe e Son da TIC, Mirian Vázquez. Tamén subliñou “a participación dos nosos alumnos en rodaxes de proxección internacional, como O que arde de Oliver Laxe, premiada na última edición do Festival de Cannes, ou A sombra da lei de Dani de la Torre”.
O máximo responsable provincial destacou que “no noso centro os grupos son pouco numerosos, o que permite unha formación personalizada. A isto hai que engadirlle un profesorado altamente cualificado apoiado por técnicos profesionais con ampla experiencia no audiovisual, e unhas instalacións modernas, con plató e salas de realización e son”.
Ademais o SdeA da Deputación substituirá o programa de bolsas que tiña a antiga Fundación TIC por un sistema de contratos en prácticas. Esta medida leva consigo máis garantía, duración e mellores salarios, xa que estas prácticas computan como experiencia profesional e figuran na vida laboral. Supón adquirir experiencia profesional e facilitar a súa futura inserción no mercado laboral.
A listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos publicarase o 2 de xullo no taboleiro de anuncios do centro e en www.fundaciontic.org. O 3 e 4  estará aberto o prazo de reclamacións e o día 5 publicarase a listaxe definitiva. A matrícula ordinaria poderá formalizarse desde o 8 ao 19 de xullo, na sede do centro educativo en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tanto o impreso como a documentación correspondente, poden descargarse en www.fundaciontic.org. No caso de que haxa máis demanda que número de prazas, a prioridade para a matriculación será a seguinte: solicitantes con titulación de bacharelato que se determine para cada ciclo; titulación doutra modalidade de bacharelato distinta; de técnico superior; e universitaria.

0.080715179443359