O Cembedo deixa pegada en Castropol cunha colleita de medallas no Top TTR sénior

O Club Bádminton O Cembedo de Viveiro asinou unha actuación moi destacada no torneo Top TTR sénior celebrado en Castropol, ata onde se desprazaron doce dos seus xogadores e xogadoras. A expedición regresou cun balance máis que positivo, sumando un total de doce medallas e confirmando o bo momento deportivo da entidade viveirense nas diferentes categorías de xogo.
O mellor resultado chegou da man de Marta, formando parella con Dolo, do Athlos, que se proclamaron campioas en dobres femininos C2, subindo ao máis alto do podio e logrando o ouro. A presenza do club nas finais foi constante ao longo da xornada, con ata seis subcampionatos. Pedro e Borja acadaron a prata en dobres masculinos C1; Jorge e Javi, tamén do Athlos, fixérono en dobres masculinos C2; Manolo e Luis quedaron segundos en dobres masculinos D; Mercedes e María José foron pratas en dobres femininos C2; María José e Pedro lograron o segundo posto en dobres mixtos C1; e Marta e Jorge repetiron metal coa prata en dobres mixtos C2.
O medalleiro completouse con cinco bronces, que volveron poñer de manifesto a competitividade do equipo. Juan e Iván subiron ao terceiro chanzo en dobres masculinos A2; Luisa e Isa fixérono en dobres femininos B1; Isa e Juan lograron o bronce en dobres mixtos B1; Luisa e Iván en dobres mixtos B2; e Borja, formando parella con María, do Oleiros, tamén foi terceiro na mesma categoría.
Tras esta excelente actuación en Castropol, o Club Bádminton O Cembedo non detén a súa actividade. A vindeira fin de semana terá unha nova cita de gran esixencia en Cedeira, coa disputa do Máster Sénior N3, unha das probas de maior categoría do calendario nacional, onde o club buscará manter o nivel amosado e seguir sumando éxitos.