O Cembedo Bádminton brilla no Galego Sénior con oito subcampionatos

O club Cembedo Bádminton de Viveiro regresou de Cedeira cun destacado balance tras a súa participación na XLVII edición do Campionato Galego Sénior, unha cita que reuniu a 79 xogadores e xogadoras procedentes de diferentes entidades deportivas de toda Galicia. A expedición viveirense estivo formada por dez volantistas, que acadaron un total de oito subcampionatos e un terceiro posto, confirmando o bo momento da entidade.
Entre os resultados máis salientables figuran os subcampionatos logrados por Marta formando parella con Dolo (Athlos) en dobre feminino C1-C2; Pedro e Borja en dobre masculino C1; Jorge e Javi (Athlos) en dobre masculino C2; e Manolo xunto a Luis en dobre masculino D. Tamén subiron ao segundo chanzo do podio Pedro en individual masculino C1; Juan con Iván en dobre masculino B2; e Luisa tanto en individual feminino D-SV como en dobre feminino SV facendo equipo con Ana Berta (Club do Mar).
Pola súa banda, Iván e Luisa completaron a actuación cun meritorio terceiro posto en dobre mixto B2.
Desde o club destacan o esforzo e compromiso dos seus deportistas nun campionato de alto nivel competitivo. A próxima cita do calendario sénior terá lugar en Viveiro o 12 de abril, onde o Cembedo exercerá de anfitrión ante a afección local.