O CEIP San Miguel afronta unha reforma para gañar en eficiencia e confort

O CEIP San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros, será obxecto dunha rehabilitación integral cun investimento próximo aos 400.000 euros, destinada a actualizar as súas instalacións e mellorar as condicións de uso para alumnado e profesorado.
O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, visitou o centro para presentar un proxecto que abrangue tanto o edificio antigo como o máis recente. Segundo explicou, o proceso de contratación atópase na súa fase final, coa previsión de que os traballos poidan executarse durante o verán, coincidindo co período non lectivo.
Entre as actuacións previstas inclúese a substitución das ventás por novas carpinterías de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento, o que permitirá reforzar o illamento térmico e acústico. Tamén se instalará un sistema de illamento exterior tipo SATE para optimizar o consumo enerxético.
No interior, renovaranse os falsos teitos en aulas, corredores e outras dependencias, ademais de incorporar solucións específicas nos aseos do edificio máis novo. A intervención complétase coa actualización da iluminación a tecnoloxía LED e coa mellora da pasarela e dos accesos que conectan ambos inmobles.
Segundo destacou Arias, estas actuacións contribuirán a ofrecer un espazo educativo máis moderno, eficiente e adaptado ás necesidades actuais.