O CEIP Península da Paz celebrará o seu 40 aniversario cun encontro aberto á comunidade educativa

AMariñaXa
O centro de Cervo reunirá o vindeiro 9 de xuño a alumnado, profesorado e familias nunha xornada de lembranzas, convivencia e homenaxe ás catro décadas de historia
_cervo-CEIP-Península-da-Paz
30 May 2026

O CEIP Península da Paz, en Cervo, prepárase para celebrar este ano unha das datas máis especiais da súa traxectoria: o 40 aniversario do centro educativo. Catro décadas nas que o colexio se converteu nun referente formativo e social para varias xeracións de veciños e veciñas do municipio.

Para conmemorar esta efeméride, o centro organizará o vindeiro martes 9 de xuño unha xuntanza aberta á comunidade educativa e a todas aquelas persoas que, dalgún xeito, formaron parte da historia do colexio ao longo destes anos. A celebración dará comezo ás 17:00 horas nas propias instalacións do CEIP Península da Paz.

O encontro está pensado como unha tarde de reencontros e convivencia na que participarán antigos e actuais alumnos e alumnas, mestres e mestras, familias e veciñanza vinculada ao centro. A programación incluirá momentos para compartir lembranzas, recuperar anécdotas e render homenaxe ao percorrido educativo desenvolvido desde a creación do colexio.

Desde a organización destacan que será unha ocasión especial para poñer en valor o papel do CEIP Península da Paz na vida social e educativa de Cervo, así como o traballo realizado por toda a comunidade escolar ao longo destas catro décadas.

A celebración contará tamén con diferentes sorpresas preparadas para a ocasión e cun espazo de convivencia acompañado de pinchoteo e refrescos para todas as persoas asistentes.

O aniversario servirá ademais para lembrar a evolución do centro e o seu papel na formación de centos de nenos e nenas que pasaron polas súas aulas desde a súa apertura. Desde o CEIP Península da Paz animan á veciñanza a participar nunha cita que busca converterse nun recoñecemento colectivo á historia compartida do centro e ao vínculo creado entre xeracións.

0.11877799034119