O CEIP Península da Paz aprende a actuar ante unha emerxencia cunha charla de primeiros auxilios

As crianzas e familias do CEIP Península da Paz, en San Cibrao, participaron nunha xornada de primeiros auxilios destinada a proporcionar coñecementos básicos e prácticos para saber como reaccionar ante diferentes situacións de emerxencia.
A actividade foi promovida pola ANPA do centro educativo ao abeiro dun novo Plan de Acción de Alcoa e contou como relator con Francisco Muñoz González, médico anestesista do Hospital Público da Mariña.
Durante o encontro, o especialista explicou diferentes pautas, recomendacións e protocolos básicos de actuación que poden resultar de utilidade ante unha emerxencia. A proposta buscou achegar estes coñecementos tanto ás crianzas como ás súas familias dunha maneira práctica e comprensible, de xeito que poidan contar con recursos para afrontar situacións que poden presentarse na vida cotiá.
A charla espertou, segundo sinalaron desde o Concello de Cervo, un notable interese entre os asistentes. As familias e o alumnado seguiron as explicacións do médico e participaron activamente durante o desenvolvemento da actividade.
Á sesión asistiu tamén a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, que acompañou á comunidade educativa durante a iniciativa.
Desde o Concello destacaron o traballo desenvolvido pola ANPA do CEIP Península da Paz e a súa implicación á hora de impulsar propostas formativas destinadas non só ao alumnado, senón tamén ás familias. A administración local agradeceu igualmente a colaboración de Francisco Muñoz González para achegar á comunidade educativa coñecementos sobre primeiros auxilios e actuación ante emerxencias.
A xornada súmase así ás actividades promovidas desde a comunidade educativa do centro co propósito de ofrecer ás crianzas aprendizaxes que poidan resultar útiles máis alá das aulas.