O CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove celebrará o seu 50 aniversario cunha gran xornada de convivencia

O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove continúa ultimando os preparativos dos actos cos que conmemorará o seu 50 aniversario, unha celebración que terá lugar o vindeiro sábado 23 de maio e que reunirá alumnado, familias, profesorado, antigos estudantes e diversas entidades colaboradoras.
O centro quixo trasladar publicamente o seu agradecemento á comunidade educativa pola súa implicación activa na organización desta xornada tan especial, así como ao conxunto de institucións e entidades que fixeron posible o seu desenvolvemento. Entre elas destacan a Escola Municipal de Música, a Asociación Cultural Saíñas, a empresa Alcoa e o Concello de Xove, cuxo apoio foi clave para sacar adiante o programa conmemorativo.
Grazas á colaboración conxunta de todos estes axentes, o colexio celebrará unha xornada de convivencia e memoria colectiva que servirá para poñer en valor a traxectoria do centro e o seu papel fundamental na vida educativa, social e cultural do municipio ao longo de cinco décadas.
O acto contará coa asistencia de representantes institucionais e de distintas entidades locais, entre elas Alcoa San Cibrao, coa que o centro mantén unha relación de colaboración histórica en diferentes proxectos educativos e de voluntariado. Durante a celebración realizarase un recoñecemento especial á súa participación no proxecto de renaturalización do patio escolar, no que a empresa colabora activamente.
Desde Alcoa San Cibrao subliñan a satisfacción de compartir esta efeméride co centro educativo, destacando a longa traxectoria de cooperación e o valor do traballo desenvolvido tanto no ámbito da educación como na súa contribución á comunidade.
Pola súa parte, desde o Concello de Xove destacan a relevancia desta celebración como un homenaxe á memoria colectiva de xeracións de veciños e veciñas que pasaron polas aulas do centro e que contribuíron ao desenvolvemento social e cultural da vila.
O programa previsto para o 23 de maio incluirá a apertura de portas ás 12:00 horas, o acto institucional ás 12:30, un concerto da Escola Municipal de Música ás 14:00 e un xantar de confraternidade ás 14:30. Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar a actuación do grupo Saíñas, pechando a xornada ás 17:30 horas.
Cómpre sinalar que todas as actividades serán gratuítas, agás o xantar de confraternidade, cuxas entradas foron postas á venda con anterioridade e xa se atopan esgotadas.
Desde o CEIP Pedro Caselles Rollán invítase a toda a veciñanza e á comunidade educativa a participar nesta celebración, concibida como un encontro interxeracional e unha homenaxe compartida á historia do ensino no municipio de Xove.