O CD San Ciprián estrea furgoneta grazas ao apoio do Concello de Cervo

O Concello de Cervo vén de colaborar co Club Deportivo San Ciprián mediante a adquisición dunha furgoneta que supuxo un investimento de 16.000 euros. Este novo medio de transporte será de gran utilidade para os integrantes do club, que conta con diferentes modalidades e seccións deportivas.
A alcaldesa destacou que esta furgoneta é "unha ferramenta esencial para o desenvolvemento das actividades do club" e que a súa adquisición reflicte "o compromiso do noso Concello co deporte".
Neste sentido, explicou que detrás do CD San Ciprián hai un gran traballo diario e, en moitas ocasións, numerosas necesidades. "Unha delas, e ademais moi importante, era contar cun medio de transporte adecuado para trasladar os deportistas e o seu material aos distintos puntos de competición", sinalou.
A rexedora subliñou que esta axuda representa un investimento tanto de presente como de futuro para o club. "O deporte é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal e social, e por iso seguiremos traballando para apoiar a todas as entidades deportivas do noso Concello", concluíu.