O CD Burela FS renóvase con forza tras unha tempada difícil

O CD Burela FS inicia unha nova etapa coa proclamación dunha xunta directiva renovada, encabezada por José Luis Sáez Castro, quen exercía ata o de agora como vicepresidente. A súa elección como novo presidente prodúcese tras unha tempada chea de obstáculos para a entidade mariñá, marcada pola incerteza e as dificultades económicas.
A asemblea serviu como punto de inflexión para garantir a continuidade dun proxecto deportivo que conta con máis de dúas décadas de historia. Sáez Castro estará acompañado por Yolanda Álvarez Carro como tesoureira, Rocío Corral Ladra como secretaria, e un equipo de vogais formado por Auditor Rodríguez Lombardía, Luis Antonio Guillén Menéndez, Iago Pernas Álvarez, María José Otero Cociña, Marcelino Luna Almarza, Juan Antonio López González e Juan José Eiroá Bermúdez.
A sesión abriu cun emotivo discurso de despedida do ata agora presidente, Manuel Blanco Fanego, que agradeceu o apoio recibido durante os seus 24 anos de xestión. Blanco destacou a colaboración de compañeiros, patrocinadores, institucións e, especialmente, a súa familia. Sáez Castro, no seu primeiro discurso como presidente, louvou o traballo do seu antecesor, asegurando que “levou o club ao máis alto”.
Na súa intervención, o novo presidente expresou un agradecemento sincero aos membros da nova directiva pola súa valentía: “A cabalo gañador é fácil subirse, o difícil é afrontar situacións delicadas, e por iso teñen o meu respecto e gratitude”. Tamén destacou o compromiso do persoal técnico, administrativo e social do club, cunha mención especial aos corpos médicos e ás escolas deportivas.
Sáez fixo fincapé na importancia das empresas colaboradoras que axudaron a manter o club en pé durante este período crítico, e tivo palabras de agradecemento para os equipos profesionais, en especial para o equipo feminino, adestrado por Julio Delgado, e o masculino, dirixido por David Rial. Este último, segundo destacou, logrou manter vivo o espírito competitivo malia contar cun orzamento axustado e unha plantilla moi curta.
No apartado institucional, o novo presidente recoñeceu o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e, especialmente, do Concello de Burela, así como o labor incansable do xerente do club, Nando López, a quen cualificou como “amigo leal”.
Sáez Castro tamén agradeceu a implicación de antigos directivos como Alfredo Veiga, Alba Vila e o propio Manuel Blanco, que seguirán colaborando de maneira desinteresada co club, así como á afección, ás familias das escolas deportivas e aos medios de comunicación.
Para rematar, anunciou a convocatoria inminente dunha asemblea extraordinaria para establecer as novas cotas de socios, reorganizar as escolas deportivas de cara á tempada 2025/26 e abordar cuestións estruturais clave para o futuro do club.