O CB Ría de Ribadeo fai historia ao proclamarse campión galego de minibasket

O Club Baloncesto Ría de Ribadeo acadou unha xesta histórica proclamándose campión galego de 1ª categoría minibasket, logo dunha brillante actuación na fase final disputada esta fin de semana no pavillón Manuel Coto Ferreiro da Estrada. O equipo, dirixido por José Ramón Vázquez Barbeito, impúxose na final ao Peleteiro de Santiago por un axustado 82-77, logo dun encontro cheo de intensidade e emoción.
Antes desta final, os ribadenses demostraran a súa solidez vencendo con claridade ao Novobasket de Vigo na semifinal cun marcador de 81-62. O triunfo dá dereito ao equipo a representar a Galicia no Campionato de España, que terá lugar en Córdoba entre os días 22 e 28 de xuño.
Desde o club celebran con orgullo este fito deportivo, que non só pon a Ribadeo no mapa do baloncesto galego, senón tamén no nacional. Trátase dun logro que recoñece o traballo de todo o equipo técnico, o esforzo dos xogadores e o apoio constante das familias e afección.