O CB Celtas de Foz inicia unha nova etapa con liderado feminino e aposta pola base

O Club Baloncesto Celtas de Foz abriu un novo capítulo na súa historia coa elección dunha directiva renovada, tras a asemblea anual de socios celebrada o pasado 17 de xullo. A entidade aceptou a dimisión da anterior xunta presidida por Carlos Moreda e deu paso a un equipo directivo novo, liderado por Carmen Alonso Pérez, de 27 anos, que marca un fito histórico ao converterse na primeira muller en presidir o club desde a súa fundación hai máis de catro décadas.
Alonso, que compaxina a súa nova responsabilidade coa capitanía do equipo sénior feminino, encabeza un proxecto onde a paixón polo baloncesto local é o fío condutor. Xunto a ela, intégranse Cristina Paz López como vicepresidenta —tamén de 27 anos e con pasado como xogadora do club— e Ángel Cao Rego, xogador sénior masculino e novo tesoureiro, quen continúa unha tradición familiar vinculada á entidade, pois seu pai xa exercera funcións de presidente e adestrador en distintas etapas.
A directiva complétase con Darío Romero e Emilio Fraga, coñecido como “Tobaneko”, que xa formaban parte do anterior equipo de goberno, así como con Carlos Méndez “Madar”, que asume agora a coordinación da base. O seu cometido será reforzar a estrutura formativa do club e asegurar a continuidade e crecemento do baloncesto local.
Desde o novo equipo directivo destacan a vontade de consolidar un proxecto sólido e sostible, apoiado na formación de novas xeracións e sen esquecer o respaldo aos equipos sénior. De feito, o CB Celtas mantén o único equipo sénior feminino da Mariña Lucense, un valor diferencial que o sitúa como referente do deporte feminino na comarca.
A nova etapa chega cunha enerxía renovada, cun grupo de persoas moi vencelladas ao club e co obxectivo de facer medrar o proxecto desde a base, sen perder a identidade que fixo do CB Celtas unha entidade respectada no panorama do baloncesto galego.