O CB Breogán visitou o Ceip Gregorio Sanz, en Ribadeo, e o Ceip San Cosme, en Barreiros, co programa Ningún Aro Sen Rede
Ningún Aro Sen Rede, un proxecto da Uned de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution, xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para prover a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles.
Mediante esta iniciativa, activa dende o curso 2022-2023, as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para por en marcha a actividade e onte foi a quenda de dous colexios da Mariña Lucense, o Ceip Gregorio Sanz, en Ribadeo, e o Ceip San Cosme, en Barreiros.
A primeira parada foi no Ceip Gregorio Sanz, onde agardaban os estudantes de 6º de primaria para facer a actividade que foi impartida polo Director da Fundación, Salvador Arco, e a bióloga ambiental da Uned, Paula Fernández Moure.
A segunda parada foi no Ceip San Cosme, onde se xuntaron os rapaces e rapazas de distintos niveis educativos e tiveron a oportunidade de coñecer a mascota do Club de Baloncesto Breogán, Máximus .
Durante o transcurso da actividade, Salvador e Paula explicaron en que consiste o proxecto, dende o material do que están feito as redes de Ecoballution ata a importancia da reciclaxe do material escolar. Despois da parte teórica, pasaron a parte lúdica da visita, onde profesorado e estudantes puideron participar en competicións de baloncesto para conseguir distintos agasallos proporcionados polo club e a universidade.
Trátase dunha pequena acción que pretende ser exemplo de economía circular, fomentando e respectando algún dos principios e valores da Axenda 2030 da ONU.