O Castro de Zoñán amosará os resultados das escavacións de 2026 nunha visita guiada

AMariñaXa
A actividade será o sábado 3 de outubro e permitirá coñecer as novas estruturas e cabanas descubertas nunha campaña que documentou materiais de entre os séculos I e V d.C.
mondoñedo-castro-zoñan-2026
29 Sep 2026

O Castro de Zoñán, en Mondoñedo, abrirá as súas portas o vindeiro sábado 3 de outubro para ofrecer unha visita guiada na que se darán a coñecer os resultados da campaña arqueolóxica desenvolvida este ano. A actividade comezará ás 11:30 horas e será gratuíta e de acceso libre.

A intervención arqueolóxica desenvolveuse durante dúas semanas ao abeiro dun convenio entre a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo. Os traballos permitiron ampliar a superficie escavada en campañas anteriores e sacar á luz novas estruturas e cabanas no xacemento.

Ademais dos restos construtivos, durante esta campaña tamén se documentaron diferentes materiais arqueolóxicos, entre eles restos metálicos, elementos líticos e, especialmente, cerámicas. O conxunto dos achados presenta un amplo arco cronolóxico, que abrangue desde o século I d.C. ata o século V d.C.

Esta diversidade de materiais, xunto coas estruturas identificadas durante os traballos, permite constatar a existencia de diferentes momentos de ocupación no Castro de Zoñán, segundo os resultados da intervención realizada ao longo deste ano.

A visita será conducida por Abel Vigo, director da intervención e arqueólogo municipal do Concello de Mondoñedo. Durante o percorrido explicará os principais resultados da campaña de 2026 e as novas evidencias localizadas no xacemento.

O punto de encontro estará situado nas proximidades do Castro de Zoñán, concretamente no cruzamento entre a vía que comunica Mondoñedo con Estelo, pasando polo Mosteiro dos Picos, e a pista forestal que dá acceso ao castro. Desde ese lugar, os participantes desprazaranse a pé ata o xacemento.

A Consellería de Cultura e o Concello de Mondoñedo animan especialmente ás persoas interesadas pola arqueoloxía e pola historia a participar nesta actividade, que permitirá coñecer de primeira man e antes da difusión máis ampla os resultados da campaña arqueolóxica realizada durante 2026.

0.14806604385376