O campo Pepe Barrera acolle un partido internacional sub12 entre a SD Ribadeo e Wims Select de Nova York

O campo municipal Pepe Barrera de Ribadeo será escenario este xoves, 21 de agosto, dun encontro especial de fútbol base. A partir das 17 horas, a SD Ribadeo na categoría sub12 enfrontarase ao equipo estadounidense Wims Select, un conxunto de 16 xogadores elixidos a través dun draft realizado en Estados Unidos.
Este grupo, procedente de Nova York e chegado recentemente a Xixón, participa nunha experiencia formativa organizada baixo a metodoloxía RSG. Dentro da súa preparación en España, Ribadeo foi unha das sedes elixidas para disputar un dos partidos de adestramento.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou a importancia deste tipo de iniciativas: “Ribadeo continúa a ser escollido para acoller campus e propostas deportivas innovadoras como a que teremos a oportunidade de vivir este xoves no Pepe Barrera”.
Con esta cita, o deporte de base ribadense suma unha nova oportunidade de intercambio e convivencia internacional, reforzando a proxección de Ribadeo como punto de encontro para o fútbol formativo.