O campo de herba artificial da Marosa conta cunha nova iluminación

TerraChaXa | AMariñaXa
4 Mar 2019

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto co alcalde de Burela, Alfredo Llano García, e o Concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, participaron nun adestramento dos xogadores das categorías de base da ADF Porto Burela na Marosa, para comprobar os traballos realizados na renovación da iluminación do campo mariñao, grazas a unha aportación de 50.000 euros do Executivo Provincial. Estiveron acompañados polo director deportivo do club, Jaime Pérez.
O deputado explicou que “estas actuacións responden a unha demanda por parte dos equipos que xogan e adestran neste campo. Trátase da substitución das luces existentes por 18 luminarias, que supoñen ademais da mellora da visibilidade, a redución de gasto enerxético en, polo menos, un 30%. Moitos equipos adestran nun horario no que xa non contan con luz natural, e con esta obra conseguimos potenciar a práctica deportiva e respectar o medio ambiente de toda esta zona”.
O Campo de herba artificial da Marosa, de titularidade municipal, é usado polos equipos de base da ADF Porto Burela onde xogan de locais, ademais de como campo de adestramento  para os xogadores da SD Burela que milita en Primeira División Rexional. Estas actuacións no campo únense ás executadas recentemente para renovar os vestiarios e que contaron cunha achega de 100.000 euros da Deputación.
Unión entre a ADF Porto Burela e a SD Burela
Rivera Capón explicou que: “nesta temporada a ADF Porto Burela e o Burela SD decidiron continuar xuntos a súa andaina, agrupando as categorías de base co equipo sénior, grazas ao cal contan con preto de 100 licencias, o obxectivo desta unión é unha aposta que compartimos desde o Goberno da Deputación, pois pretende fomentar a base como canteira e así reforzar o equipo sénior”.
O 2018 foi un ano importante para o club mariñao, ademais da unión da Asociación para o Fomento do Deporte Porto Burela e da Sociedade Deportiva Burela, o equipo sénior acadou o ascenso a primeira categoría autonómica e conquistou a Copa Deputación, o que supuxo un premio de 6.000 euros, que se suman aos 4.000 euros de axuda que a AD Porto Burela acadou para sufragar gastos federativos e de temporada.

0.21366214752197