O Camiño Norte ao seu paso por Abadín

AMariñaXa
O itinerario xacobeo atravesa o municipio entre paisaxes da Chaira e permite descubrir santuarios, capelas e igrexas
vista-ruta-abadin
1 Nov 2026

O Camiño Norte atravesa Abadín deixando ao seu paso unha combinación de paisaxe, historia, patrimonio e tradición relixiosa. Esta ruta xacobea, que comeza en Irún e percorre o norte da Península, entra en Galicia pola ría de Ribadeo e continúa pola provincia de Lugo ata internarse nas terras chairegas. Recoñecido pola Unesco en 2015, o itinerario permite descubrir tamén espazos de destacado valor natural.

No municipio de Abadín, o trazado discorre pola ladeira do monte Pena da Roca en dirección á Xesta. Antes de chegar a este núcleo aparece un dos lugares máis emblemáticos da zona: a ermida de San Cosme da Montaña, situada no barrio da Xesta, na parroquia de Galgao, e considerada un dos santuarios romeiros máis coñecidos da Chaira.

A devoción por San Cosme conta con máis dun século de historia e mantense especialmente viva cada 27 de setembro, cando a contorna acolle unha multitudinaria romaría. A situación do santuario contribuíu historicamente a unir A Mariña e a Terra Chá, converténdose nun punto de encontro para veciños das dúas comarcas.

A ermida responde a unha arquitectura relixiosa popular e sinxela. Na súa fachada, unha cuncha orienta aos peregrinos cara ao camiño que cruza a N-634 para alcanzar Gontán, onde se atopa un albergue. Nesta localidade tamén pode visitarse a capela da Virxe de Fátima, levantada a mediados do século XX por iniciativa privada e vinculada ás festas que se celebran en maio.

O itinerario continúa ata o núcleo de Abadín, onde sobresae a igrexa parroquial de Santa María, unha construción que conserva elementos románicos da primeira metade do século XII. A capela maior, do século XVI, presenta estilo gótico isabelino. Na fachada destacan dous escudos relacionados coa casa dos Luaces, vinculada á parroquia desde 1574, mentres que no interior se conserva un retablo maior de estilo renacentista popular.

Xa preto do límite municipal aparece a igrexa de San Xoán de Castromaior, construída no século XVI sobre un antigo castro e reformada posteriormente. De planta rectangular e cuberta de lousa a dúas augas, garda no seu interior un retablo maior barroco do século XVIII.

Desde Castromaior, os peregrinos continúan cara ao municipio de Vilalba, pasando por lugares como San Bartolomeu de Corvelle, Martiñán ou Goiriz. A etapa completa suma arredor de 29 quilómetros e presenta un perfil maioritariamente chairo, facendo do percorrido por Abadín unha oportunidade para camiñar e descubrir parte do patrimonio histórico e relixioso da Terra Chá.

0.15025806427002