O 'Camiño Gastronómico do Mar' regresa en outubro para promover o Camiño Xacobeo e o peixe de Burela

AMariñaXa
Sete fins de semana para descubrir a costa norte galega, degustar produtos locais e fomentar o consumo de peixe a través do Camiño do Mar
Camiño Gatronómico
20 sep 2024

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) e a Asociación Amigos do Camiño do Mar lanzan a quinta edición do Camiño Gastronómico do Mar, que se celebrará durante os meses de outubro e novembro. Esta iniciativa ten un dobre obxectivo: promocionar o Camiño do Mar, unha ruta xacobea costeira, e fomentar o consumo de peixe, especialmente do peixe de Burela.

A presentación oficial terá lugar o venres 11 de outubro no Salón de Actos de Armadores de Burela, contando coa presenza do Conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, e de representantes da OPP Burela e da Asociación Amigos do Camiño do Mar. No acto tamén estarán presentes membros dos concellos e mancomunidades polas que transcorre o Camiño.

O evento dará comezo o domingo 13 de outubro coas primeiras etapas do Camiño Gastronómico do Mar. Durante sete fins de semana, os participantes percorrerán a pé 15 concellos da costa norte galega, dende Ribadeo ata Neda, atravesando comarcas como A Mariña Lucense, Ortegal e Ferrolterra-Rías Altas. Cada etapa terá uns 15 quilómetros e estará limitada a 50 persoas, que deberán inscribirse previamente na web oficial da asociación.

Un dos maiores atractivos desta iniciativa son as degustacións de produtos da lonxa de Burela ao remate de cada etapa. Os chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrella Galicia e Cabreiroá, encargaranse de preparar os pratos, ofrecendo unha experiencia única aos camiñantes. Ademais, os participantes poderán selar o seu propio carné de peregrino en cada concello, e ao final do camiño, sortearase unha comida ou cea para dúas persoas no restaurante O’Asador del Alba, en Barreiros.

0.21852397918701