O Cadramón recupera o espírito das festas de sempre coa celebración de Santa Filomena

A parroquia do Cadramón volverá vestirse de festa o vindeiro 20 de xuño coa celebración dunha nova edición da tradicional Festa de Santa Filomena, unha cita que busca manter vivas as tradicións locais e fortalecer os lazos entre os veciños e veciñas da contorna.
A Asociación Veciñal Santa Filomena do Cadramón é a encargada da organización do evento, que conta co apoio económico da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Cadramón e coa colaboración de distintas entidades e institucións.
O programa arrancará ás 12.30 horas coa misa na capela de Santa Filomena. A continuación celebrarase a procesión e unha sesión vermú amenizada polo Dúo Venus, que será tamén o encargado de poñer música á verbena da noite.
Un dos momentos centrais da xornada chegará ás 15.00 horas coa celebración dun xantar popular no campo da festa. A organización destaca que esta iniciativa nace coa intención de recuperar aquelas reunións familiares e veciñais que durante décadas converteron as festas parroquiais en auténticos puntos de encontro social.
O menú, preparado por Seiramar, estará composto por empanada, churrasco, sobremesa, bebida, café e chupito. As persoas interesadas en asistir deberán reservar praza antes do 14 de xuño, xa que o aforo é limitado.
Os prezos establecidos son de 25 euros para os adultos, 15 euros para os nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, mentres que os menores de 6 anos poderán participar de balde.
A programación continuará pola tarde cun concerto de música tradicional a cargo da formación Fol do Raxal, de Cervo. A actuación está incluída no programa Tradigalu 2026 da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A partir das 20.30 horas dará comezo a verbena, que volverá contar coa animación musical do Dúo Venus para pechar unha xornada pensada para o reencontro, a celebración e a participación de persoas de todas as idades.
Desde a organización agradecen a implicación de entidades colaboradoras, institucións e veciñanza, cuxo apoio fai posible que esta festa continúe formando parte do calendario festivo da comarca.