O Burela FS xógase o pase á final da Liga Iberdrola ante a súa afección

AMariñaXa
O cadro mariñán recibe ao Futsi este sábado en Vista Alegre no terceiro e definitivo duelo das semifinais, co billete á final en xogo e a dúbida de Emilly por lesión
HOMENAXE-BURELA-FS-(2025-campioas)
6 Jun 2025

O Pescados Rubén Burela FS afronta este sábado o encontro máis decisivo da tempada. A escuadra laranxa mídese ao Futsi Atlético Navalcarnero no terceiro e último partido das semifinais do play off polo título da Liga Iberdrola de fútbol sala feminino, unha eliminatoria que chega igualada tras a vitoria burelista na casa (4-2) e a derrota en Madrid (4-1). O duelo definitivo disputarase no pavillón Vista Alegre a partir das 11 da mañá e será retransmitido en directo por Teledeporte.

O adestrador do conxunto mariñán, Julio Delgado, admite que o equipo chega algo fatigado tras disputar tres partidos en apenas sete días, pero amosa confianza plena nas súas xogadoras. “Físicamente estamos un pouco cansas, pero sabemos o que implica unha semifinal e que hai que dar o cen por cen. As xogadoras están mentalizadas e sei que o sábado volverán dar o máximo”, declarou o técnico.

Delgado agarda que o seu equipo se pareza máis ao que xogou o primeiro partido en Vista Alegre que ao que se viu superado na pista do Futsi. “Cada encontro é diferente. En casa fixemos un gran partido e alí elas foron moi superiores. Pero confiamos no traballo de todo o ano e nas últimas tempadas para estar outra vez na final”, subliñou.

Aínda que recoñece que xogar no propio feudo pode xerar presión, Julio ve como unha vantaxe pechar a serie na casa. “Para nós é un factor positivo. Gústanos xogar en Vista Alegre, coa nosa xente, e iso sempre é un impulso. Non sei se afectará ao rival, pero para nós será unha axuda clave”, indicou.

En canto ás claves do partido, o técnico salmantino apunta á madurez e á minimización de erros como aspectos fundamentais. “Non podemos fallar na saída de balón. Vai ser un duelo moi igualado a nivel mental, así que o equipo que cometa menos erros terá moitas opcións de pasar”, afirmou.

O peculiar horario matinal non preocupa ao adestrador, que asegura que afecta por igual a ambos os equipos. “É mellor xogar pola mañá, as xogadoras están máis frescas. A visibilidade tamén mellora nestes horarios. Non creo que sexa un elemento decisivo”, reflexionou.

Unha das incógnitas do encontro será a dispoñibilidade de Emilly, que sufriu un traumatismo cranioencefálico leve en Navalcarnero tras recibir un balonazo. “Aínda non sabemos se poderá xogar. Está en recuperación e o máis importante é que se recupere ben. Un golpe na cabeza sempre hai que tomalo con coidado”, explicou Delgado.

A boa noticia para o técnico é que poderá contar co resto do plantel, incluída Débora, que descansou no último encontro por precaución, e tamén con Irene Samper, aínda que esta última non forzará a súa participación ao continuar en fase de recuperación da súa grave lesión de xeonllo.

⚙ Configurar cookies
0.12453198432922