O Burela FS ficha á brasileira Luísa Mayara

AMariñaXa
A internacional brasileira Luísa Mayara da Silva Borges estrearase no fútbol sala español como reforzo do Pescados Rubén Burela FS.
mayara xogadora burela fs
4 Feb 2021

A internacional brasileira Luísa Mayara da Silva Borges (Blumenau, 1991) estrearase no fútbol sala español como reforzo do Pescados Rubén Burela FS. A ala de 29 anos, que xa se atopa na Mariña, será presentada oficialmente pola estrutura das actuais Tricampioas unha vez cumpra co período de illamento domiciliario por protocolo Covid-19 e se realicen todos os trámites administrativos precisos.

Luísa Mayara, que xa compartiu vestiario e título de campioa na Selección do Brasil coas burelistas Cilene e Cami na Copa América 2019, recala procedente de Female Futsal e cunha ampla e recoñecida traxectoria dende o seu club natal Blumenau, pasando por Jaraguá do Sul, Brusque, Chapecó ata o italiano Lazio ou Adef de Brasilia. A nova mariñá amosouse moi feliz coa experiencia que se lle presenta por diante: “Creo que o Pescados Rubén é un grupo moi forte; sigo a súa traxectoria dende hai tempo. Quería novos retos e experiencias e o Pescados Rubén é o mellor desafío tanto pola competición como pola súa planificación, sempre tiven curiosidade por coñecer como era a súa estrutura de traballo; algo xa sabía polas miñas compañeiras da selección. Sempre crin que era un dos mellores equipos do mundo e agora vén de ser así recoñecido” explicaba a brasileira as súas impresións sobre o club mariñán.

A futura 12 laranxa será a segunda incorporación de inverno para o Mellor Club Feminino FutsalPlanet Awards 2020, despois do regreso no mes de xaneiro da súa compatriota, Jane Marques, que xa defendera a camisola das Guerreiras a tempada pasada. “De momento teño que adaptarme ao cambio horario e despois tocará sobre a pista; confío en que sexa no menor tempo posible para axudar ao equipo e claro, poder ser campioa tamén. Confío en poder sumar sobre todo nos últimos pases, coa miña lectura do xogo de cara á fronte”, confesaba así Luísa Mayara o seu desexo e confianza en estar axiña ao cento por cento sobre as canchas de Primeira .

0.19632887840271