O Burela FS certifica o pase á fase final da Copa da Raíña

AMariñaXa
Con este triunfo pon fin o conxunto feminino da entidade burelá a un produtivo ano 2024
burela-fs-copa-reina
18 Dec 2024

Non falla o Burela FS e cumpre co agardado derrotando a domicilio (0-4) ao Almagro FSF, de Segunda División, e estará na final a 8 da Copa da Raíña. Celebrarase entre o 2 e o 4 de maio de 2025 nunha sede, aínda por determinar e onde buscará o seu sétimo título copeiro. As mariñás dominaron todo o encontro, pero tiveron que agardar á segunda parte para sentenciar grazas á gran actuación durante o primeiro período da porteira local Vera.

Ourense Ontime, STV Roldán, Castro Bloques Cando, Torreblanca Melilla, Gran Canaria Teldeportivo, Poio Pescamar e MRB Móstoles son os outros equipos que loitarán polo título coas da Mariña na fase final.

O ENCONTRO

As discípulas de Julio Delgado presentáronse en terras manchegas coa firme intención de non especular e decantar o partido do seu lado canto antes. Con todo, as paradas de Vera provocaron que as laranxas non anotasen o primeiro tanto ata o minuto 18 de xogo. Os primeiros intentos chegaron nos pés de Emilly, no primeiro minuto de xogo, e Dany, no quinto, nunha acción na que entre a gardameta local e Sofía Valero evitaban que o balón se coase na portería ciudadrealeña.

As encaixeiras responderon no minuto 6, nunha perda de Carolina Pedreira que finalizou cun disparo de Elena e a parada salvadora de Caridad, que volvería intervir á saída do córner posterior nun disparo de Rebeca Culebras. Foi un pequeno espellismo, xa que pronto regresaron as ocasións para as Pícaras, que volveron probar a Vera nunha dobre ocasión de Dany, con senllas paradas milagrosas; cun disparo de Patricia; unha volea de Emilly e outro remate afastado da brasileira na que a meta volvía meter as mans. Entremedias, Cris Lourés atopouse co pau nunha acción a balón parado. Pouco despois, xa no minuto 16 aparecía de novo a cancerbeira local para sacar un remate de Dinha tras unha boa deixada de Dany.

O primeiro tanto para as visitantes estaba merodeando e por fin chegaría no minuto 17, cando Carolina remataba a pracer no segundo pau un gran servizo de Dinha tras unha bonita parede con Patricia. As mariñás atopaban o premio ao seu dominio antes do descanso, pero a punto estiveron de irse con empate a vestiarios, xa que a dous segundos do intervalo era Caridad a que aparecía para frustrar un man a man de Elena. A de Sanlúcar ía moi ben abaixo para evitar o tanto almagreño.

No segundo tempo non cambiou demasiado a decoración, cun Burela FS dominador, aínda que si baixou moito o ritmo e as ocasións en ambas as porterías. Emilly atopábase co pau no segundo minuto da continuación e dous goles en apenas un minuto sentenciaban definitivamente a eliminatoria. May Moncayo metía o balón na súa propia portería no minuto 23, tras unha boa acción de Patricia pola á esquerda, e segundos máis tarde era Cami a que non perdoaba aproveitando un rexeite de Vera tras un disparo da futbolista yeclana.

Cun Almagro ao que xa lle custaba moito saír do seu propio campo, Dany tivo o cuarto no minuto 27, pero non puido concretar ante Vera e si o faría oito minutos máis tarde nun remate por baixo tras unha perda en primeira liña das encaixeiras. As de Ciudad Real probárono con Alba Peña como porteira-xogadora no últimos cinco minutos, pero apenas foron capaces de xerar perigo sobre o marco de Caridad.

Con este triunfo pon fin o conxunto feminino do Burela FS a un produtivo ano 2024 que pecha coa obtención dos títulos de Liga e Supercopa.

0.15511703491211