O BreaSon celebra en Mondoñedo a súa quinta edición cunha ampla aposta pola música galega

AMariñaXa
A cita organizada pola Asociación Xuvenil Xoldra combinará concertos, tradición, gastronomía, obradoiros e actividades culturais con entrada gratuíta
Presentacion-Breason-2026
4 Nov 2026

O Festival BreaSon regresará a Mondoñedo o vindeiro sábado 7 de novembro para celebrar a súa quinta edición cunha programación que volverá combinar música galega, tradición e propostas culturais. A iniciativa, impulsada pola Asociación Xuvenil Xoldra, contará con artistas e formacións como Mercedes Peón, Familia Caamagno, Ünder & Diego Flâneur e La Duendeneta Dilleis, ademais das bandas Las Petunias, procedente de Madrid, e Sedientos de Cumbia, de Navarra.

O deputado de Mocidade, Daniel García, participou este mércores na presentación do evento, que definiu como unha cita xa asentada no calendario do outono da Mariña. Durante a súa intervención, destacou o traballo da mocidade de Mondoñedo e da asociación organizadora por conectar as expresións tradicionais con novas propostas musicais. Tamén puxo en valor a programación complementaria, que permite dar protagonismo á cultura, á historia e aos produtos galegos.

A actividade comezará o venres 6 de novembro no Casino de Mondoñedo. Ás 20.00 horas está prevista a proxección do documental '360 Curvas', acompañada de petiscos, mentres que ás 21.30 horas abrirá unha exposición de ilustracións realizadas por artistas galegas.

A xornada principal será a do sábado, cun programa repartido por diferentes espazos da cidade. Ás 12.00 horas, o Casino acollerá unha cata e maridaxe de cervexa con produtos de porco celta, dentro da iniciativa 'Un gusto de rural, un rural degusto', promovida pola Vicepresidencia da Deputación coa colaboración de Asoporcel. Nese mesmo horario tamén partirá o roteiro 'Mondoñedo e a súa xente', que terá unha segunda convocatoria ás 17.00 horas.

A Praza da Catedral será o escenario da sesión vermú, que comezará ás 13.30 horas coa actuación de Familia Caamagno. Ás 14.30 horas tomará o relevo Duendeneta Dilleis. Pola tarde, o Casino acollerá ás 17.00 horas unha cata de cafés de especialidade, mentres que no Barrio dos Muíños se desenvolverán obradoiros de serigrafía e olaría.

A tradición terá un papel destacado a partir das 18.30 horas coa celebración dun magosto e unha foliada na Praza do Concello. A programación incluirá as actuacións dos grupos mindonienses Meniñ@s da Mariña e Os Carricantos, así como unha proposta de maxia a cargo de Aris Vilarino.

A música continuará pola noite na Praza da Catedral. Mercedes Peón abrirá os concertos ás 21.00 horas, seguida de Ünder & Diego Flâneur ás 22.30 horas. Á medianoite será a quenda de Las Petunias, mentres que Sedientos de Cumbia actuará a partir da 1.30 horas. O programa tamén recolle a participación de Duendeneta Dilleis no apartado de cambios e peche.

O festival manterá a entrada libre e gratuíta e contará cunha carpa cuberta para os concertos. Ademais, habilitarase unha zona de acampada interior na área deportiva de Viñas da Veiga, co obxectivo de facilitar a asistencia ao público que se achegue a Mondoñedo durante a fin de semana.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⇒REPORTAXE

0.15417408943176