O BOE recolle a actualización do Nomenclátor de Galicia con máis de 4.000 modificacións toponímicas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Afecta aos concellos de A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz do Castrodouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza
nomenclator
7 Jul 2026

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este martes o decreto que oficializa a actualización do Nomenclátor de Galicia, unha revisión que supón a modificación de máis de 4.000 topónimos en toda a comunidade. Os cambios xa entraran en vigor o pasado 11 de abril tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A revisión foi elaborada pola Real Academia Galega (RAG) e afecta a unha ducia de concellos: A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz do Castrodouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.

A actualización forma parte do acordo aprobado polo Consello da Xunta a proposta da RAG e inclúe a modificación de 2.531 topónimos, entre eles 2.335 lugares, 182 parroquias e doce municipios. Ademais, incorpóranse ao rexistro oficial 1.655 novos nomes de lugares. Como resultado, o Nomenclátor de Galicia pasa a contar con 42.909 entradas.

A Consellería de Cultura explica que esta revisión responde ao obxectivo de recuperar as formas tradicionais e históricas da toponimia galega, moitas delas alteradas ao longo dos séculos por procesos de castelanización, especialmente nos usos administrativos e oficiais. Para a determinación das novas formas oficiais empregáronse criterios lingüísticos, históricos e documentais, así como o uso oral e escrito conservado pola veciñanza.

Entre as modificacións máis destacadas figura a recuperación do nome histórico de Alfoz, que pasa a denominarse oficialmente Alfoz do Castrodouro. Tamén Cangas incorpora a referencia territorial e convértese en Cangas de Morrazo, mentres que A Caniza recupera a forma galega tradicional documentada historicamente.

Outros cambios afectan á incorporación ou eliminación de artigos nos nomes oficiais dos municipios. Así, O Porto do Son, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, A Ribeira de Piquín e O Riós pasan a incluír o artigo, mentres que Pastoriza deixa de levalo. Pola súa banda, Cerdedo Cotobade, Oza Cesuras e Mondariz Balneario eliminan o guión que figuraba ata agora nas súas denominacións oficiais.

A Real Academia Galega lembra que a Lei de Normalización Lingüística establece que os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e que corresponde á Xunta aprobar definitivamente as denominacións propostas pola institución académica.

0.12535905838013