O BNG reclama no Parlamento investimentos urxentes nos centros educativos de Burela

O estado das infraestruturas educativas de Burela centrou parte do debate na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia, onde o deputado mariñán do BNG, Dani Castro, trasladou a situación do CEIPP Vista Alegre e reclamou actuacións por parte da Xunta para mellorar as instalacións do centro.
Segundo explicou o voceiro do BNG en Burela e tenente de alcaldesa, Mario Pillado, a iniciativa presentada non respondía unicamente a unha reivindicación da formación nacionalista, senón que recollía unha demanda compartida pola comunidade educativa do colexio. Ao seu xuízo, os argumentos ofrecidos polo Goberno galego para xustificar a ausencia de actuacións, baseados en criterios técnicos e de prioridades, "non se sosteñen".
Pillado mostrou tamén a súa preocupación polas explicacións recibidas no Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Ensino de Lugo, onde, segundo indicou, se lles trasladou que non existe consignación orzamentaria para acometer actuacións este ano e que a responsabilidade recaería no Concello. O representante do BNG rexeitou esta interpretación e asegurou que as competencias nesta materia corresponden á administración autonómica.
A formación ampliou as súas críticas á situación do conxunto dos centros educativos da localidade, ao considerar que presentan importantes necesidades de mellora, especialmente en aspectos relacionados coa accesibilidade e coa eficiencia enerxética.
Entre os exemplos citados, Mario Pillado referiuse ao IES Perdouro, onde, segundo explicou, alumnado con mobilidade reducida continúa atopando dificultades para desprazarse entre distintas aulas do edificio, ao verse obrigado a saír ao exterior para completar determinados percorridos. O edil sinalou ademais que un informe de seguridade elaborado pola propia Consellería avala a necesidade de acometer investimentos neste centro.
Desde o BNG reclaman que a Xunta impulse actuacións nos diferentes centros educativos de Burela e que asuma as súas competencias en materia de ensino. Segundo concluíu Pillado, o Executivo autonómico debe abandonar as escusas e dar resposta ás demandas que, asegura, veñen formulando desde hai anos tanto a comunidade educativa como os representantes locais.