O BNG reclama manter abertas as camas do Hospital da Mariña durante o verán

Foz
AMariñaXa
A formación logra o apoio do pleno provincial á súa moción contra o peche de 36 camas e tamén demanda máis prevención fronte aos incendios forestais
BNG-Deputacion-2026
30 Jun 2026

O BNG levou ao pleno da Deputación de Lugo unha moción para reclamar que a Xunta de Galicia manteña operativas as 36 camas cuxo peche está previsto no Hospital da Mariña durante os meses de verán. A iniciativa saíu adiante malia o voto en contra do Partido Popular.

Na defensa da proposta, o deputado provincial Daniel García cuestionou a decisión do Goberno galego de reducir a capacidade asistencial nun período no que a poboación da comarca aumenta de forma notable pola chegada de visitantes. Segundo indicou, o peche das camas implica tamén a reorganización do persoal, que é destinado a cubrir vacacións e outras necesidades do hospital en lugar de reforzar os servizos mediante novas contratacións.

O representante nacionalista advertiu de que esta situación provoca que numerosos pacientes teñan que ser derivados ao Hospital Universitario Lucus Augusti, en Lugo, obrigando tamén ás súas familias a desprazarse fóra da comarca. Ao seu xuízo, a Mariña precisa máis recursos sanitarios para responder á demanda asistencial durante o período estival.

No mesmo pleno, o BNG puxo tamén o foco na política de prevención de incendios forestais da Xunta. A formación criticou que non se executasen os traballos de limpeza das faixas secundarias de protección comprometidos nos concellos de menos de 10.000 habitantes e reclamou unha estratexia baseada na prevención durante todo o ano.

Daniel García defendeu que Galicia dispón de normativa suficiente, pero considerou necesario incrementar os recursos e mellorar a xestión para reducir o risco de incendios. Ademais, apostou por potenciar medidas que favorezan o aproveitamento sustentable do monte e o impulso do silvopastoreo.

Neste contexto, destacou o programa provincial O que non arde, impulsado desde a área de Rural da Deputación, que apoia investimentos relacionados coa gandaría extensiva como ferramenta de prevención e xestión do territorio.

0.12054395675659